Friday 17 de May de 2024

Rueda agradece a dedicación dos corpos e forzas de sesguridade para facer de Galicia un dos mellores lugares para vivir, traballar e visitar


Enxalzou o seu traballo sempre na primeira liña e o “valor engadido” que supón o seu labor baseado na proximidade, coñecemento da veciñanza e do territorio

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceulles hoxe aos membros dos corpos e forzas de seguridade a súa dedicación para facer de Galicia un dos mellores lugares para vivir, traballar e tamén visitar.

“Os axentes locais -xunto co persoal de Emerxencias e Protección Civil e os membros dos outros corpos e forzas de seguridade que traballan na nosa Comunidade- son sempre os que están na primeira fila”, enxalzou Rueda no transcurso do acto de entrega de distincións ao persoal do corpos de Policía Local e das medallas ao mérito policial, que se celebrou na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, e ao que acudiu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

O presidente da Xunta valorou o traballo de proximidade, coñecemento da veciñanza e do territorio dos membros da Policía Local e que supoñen un valor engadido “polo que ten de humanidade, apoio e acubillo das vítimas”. Por iso, amosou a total dispoñibilidade da Xunta en colaborar coas Administracións locais na dotación e nas necesidades dos 127 corpos de Policía Local de Galicia.

Neste senso, apuntou as axudas para a contratación de axentes; o apoio a centralización dos procesos selectivos; a formación de todos os corpos de seguridade de Galicia ou a recente posta en funcionamento do novo rexistro de policías locais.

No acto entregouse a medalla ao mérito policial a 16 axentes en recoñecemento a actuacións excepcionais en acto de servizo, e o distintivo de permanencia a 127 policías locais que superan os 25 anos de servizo. O presidente da Xunta agradeceulles a todos eles a súa dedicación e a súa vocación.